Árbores senlleiras
O castelo de Soutomaior conserva un gran legado de historia e natureza
O parque botánico ten a súa orixe a finais do século XIX, cando o marqués de la Vega de Armijo e de Mos decide transformar o castelo nun pazo neogótico que gozaría a familia como residencia de verán. Os marqueses fixeron un grande esforzo por embelecer o contorno abrindo camiños, limpando o bosque e trazando os xardíns. Aquí, no castelo que eles reformaron, naceu a súa querida sobriña, María Vinyals, que herdaría o predio.
En 1935 adquire a propiedade a familia de Ostos y Ayala, que prestou especial interese no coidado do parque e achegou diversidade aos xardíns introducindo novas especies.
En 1982 o castelo e o predio adquiriunos a Deputación de Pontevedra, que levou a cabo unha gran rehabilitación e abriu o xardín ao público para que todas as persoas puidesen gozar da súa riqueza botánica.
No noso paseo podemos comprobar o esforzo realizado na súa divulgación e conservación. A cada paso descubrimos unha sensación nova. Especies procedentes de diferentes partes do mundo adaptáronse á nosa terra e conviven coa flora e a fauna autóctonas. Todas estas árbores forman parte desta paisaxe histórica, algunhas destacan polas súas grandes dimensións, outras pola súa idade, orixinalidade ou beleza, pero tres o fan especialmente e gañáronse un oco no Catálogo galego de árbores senlleiras da Xunta de Galicia:
Araucaria de Chile Araucaria araucana (Molina) K. Koch
Contamos cunha grande araucaria de aproximadamente 25 metros de altura. É o maior exemplar de Galicia e foi candidato a Árbore Europea do Ano en 2019. Álzase en pleno centro do parque botánico, a medio camiño entre o estanque e a fonte da Marquesa.
É un dos referentes do Catálogo galego de árbores senlleiras en canto a flora alóctona. Destaca pola súa morfoloxía e, sobre todo, polo pouco frecuentes que son os exemplares adultos en Galicia.
A especie é endémica dos bosques subantárticos, presentes no extremo sur de Arxentina e Chile. De feito, a súa etimoloxía fai referencia a Arauco (Chile), onde foi descuberta.
Caracterízase por ser unha árbore perennifolia, de lento crecemento e gran lonxevidade, xa que pode superar os 1.000 anos.
As súas follas confírenlle unha aparencia inconfundible, que fai que sexa coñecida coma “cola de macaco”. A súa cortiza tamén é moi característica, de cor agrisada. Co tempo engúrrase e cóbrese de marcas en forma de anel, que son as cicatrices das vellas ramas.
Criptomeria Cryptomeria japonica D. Don
No noso xardín consérvanse varios exemplares de criptomeria, pero hai un que destaca especialmente e, por iso, merece un oco no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Crece na parte alta do parque, preto da praza da fonte, e non pasa desapercibido debido á súa orixinalidade e sorprendente forma. Ten unha altura aproximada de 30 metros e o seu aspecto máis distintivo é a base do seu tronco, totalmente oca. Sen dúbida, esta criptomeria é unha das representantes da súa especie máis grandiosas de Galicia.
É moi valorada como planta ornamental non só pola súa forma e porte, senón polas súas follas. Igual que practicamente todas as coníferas é unha árbore perenne, pero a cor da súa follaxe varía. É verde na primavera e no verán, pero cambia a marrón avermellado no outono e no inverno; isto débese a que para protexerse do frío e evitar a conxelación as follas sintetizan pigmentos vexetais que lle confiren ese aspecto de cor cobre. O cambio cromático apréciase moi ben na criptomeria elegante Cryptomeria japónica `Elegans’, da que tamén temos representación no parque botánico.
A especie provén do Xapón, onde se coñece como sugi; adoita plantarse ao redor dos templos para simbolizar a relación cultural e espiritual coa natureza. Alí existen exemplares con nome propio e máis de 1.000 anos.
Sequoia vermella Sequoia sempervirens (D. Don.) Endl.
Contamos con numerosas sequoias no noso parque botánico; entre elas sobresae un impresionante exemplar que, ademais, se atopa nun lugar privilexiado custodiando a fonte da Marquesa. Cos seus 41 metros de alto e 9,5 metros de perímetro, loce como a sequoia vermella de maiores dimensións da nosa comunidade; un gran coloso para o Catálogo galego de árbores senlleiras.
Esta maxestosa árbore é orixinaria do oeste de América do Norte. O seu nome é unha homenaxe a George Gist, un xefe indio coñecido tamén como Sequoiah e inventor do silabario cherokee. O seu apelido, sempervirens, provén do latín e quere dicir ‘sempre verde’, xa que a súa folla é perenne.
Sen dúbida, o máis rechamante desta especie é o seu porte. Crece entre un e dous metros anuais na súa mocidade e pode alcanzar os 110 metros de altura (equivalente a un edificio de 30 plantas). Curiosamente, hai outro tipo de sequoia chamada sequoia xigante, pero, a pesar do seu nome, as máis altas son as sequoias vermellas, aínda que as xigantes adoitan ser máis grosas.