O xardín de camelias con nome de muller
No castelo de Soutomaior rendémoslles homenaxe a grandes mulleres.
A Deputación de Pontevedra propuxo unha iniciativa que nos levou a crear un xardín de camelias co nome de mulleres ilustres na historia, na ciencia, na arte e na sociedade.

Este proxecto púxose en marcha coa plantación do primeiro exemplar de Camellia japonica 'Maria Vinyals', variedade dedicada á escritora e pioneira do feminismo en España que naceu no castelo de Soutomaior. A ficha técnica da variedade pódese consultar aquí

C. hibrida 'Rosalia de Castro': figura fundamental do Rexurdimento da literatura galega no século XIX (1837-1885) e autora de obras inmortais coma Follas novas, En las orillas del Sar e Cantares gallegos; a primeira publicación desta última obra, o 17 de maio, é a data escollida para celebrar o Día das Letras Galegas. Ademais, cada ano en Galicia conmemórase o Día de Rosalía con actos que recordan o seu legado; ten lugar o 23 de febreiro, día do aniversario do seu nacemento.
Ficha técnica

C. japonica 'Bella Otero': cultivar nomeado en honor a Agustina Carolina Otero Igrexas (1868-1965). Nada en Valga, foi unha das personaxes máis destacadas da belle époque nos círculos artísticos e na vida galante de París. Publicáronse libros e artigos sobre a súa vida, e tamén existe unha película protagonizada pola actriz mexicana María Félix e unha serie de televisión italiana con Ángela Molina interpretando a Bella Otero.
Ficha técnica

C. japonica 'Dona Jane Andresen': cultivar dedicado a Joana Enriqueta Lehmann Andresen (1861-1938), escultora e apaixonada da floricultura que adquiriu, en 1895, a Quinta do Campo Alegre, que na actualidade alberga o Xardín Botánico do Porto.
Ficha técnica

C. hibrida 'Juana de Vega': recibe o seu nome da condesa de Espoz e Mina (1805-1872). Esta escritora coruñesa destacou polo seu gran labor social e cultural. O seu obxectivo foi axudar a saír da pobreza as nenas e nenos do campo galego mediante a educación e contribuír ao desenvolvemento do medio rural de Galicia. Tras a súa morte en 1872 legou gran parte dos seus bens para crear a Fundación Juana de Vega que hoxe en día segue a traballar para manter o seu legado.
Ficha técnica

C. japonica 'Sofía Novoa': recibe o seu nome da pedagoga e música nada en Vigo en 1902 que quixo acercar a música a todas as etapas do estudo. Buscaba a excelencia en todos os seus proxectos e na súa propia vida, cun obxectivo pouco frecuente nas mulleres de comezos do século XX: conseguir unha vida independente e profesionalmente gratificante.
Ficha técnica

C. japonica 'Emilia Pardo Bazán': esta escritora coruñesa foi precursora do feminismo e unha das figuras máis importantes da literatura da segunda metade do século XIX español (1851- 1921).
A pesar das dificultades, pois naquel entón as mulleres tiñan prohibida a educación universitaria, foi a primeira representante feminina en ocupar unha cátedra de literatura na Universidade Central de Madrid. Tamén foi a primeira muller socia do Ateneo de Madrid, chegando a ser presidenta da súa Sección de Literatura.
Compartiu ideas e amizade con María Vinyals, de feito, visitou o castelo de Soutomaior e o Sanatorio Lluria xunto á súa filla Carmen.
Ficha técnica

C. japonica 'Jimena Fernández de la Vega': Nomeada en homenaxe a doutora Jimena Fernández de la Vega (1895-1984). Foi, xunto coa súa irmá xemelga, Elisa, a primeira muller licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, obtendo ademais o Premio Extraordinario en 1919. Destacou polo seu labor en medicina e investigación da xenética aplicada á saúde de feito, é considerada pioneira da Xenética Médica en España. Recentemente foi elixida como científica do ano 2021 pola Real Academia Galega de Ciencias.

Camellia japonica ‘María Casares' nomeada en homenaxe á coñecida coma "a artista do exilio republicano", pois foi considerada unha das grandes damas do teatro francés do século xx, no seu libro Résidente privilégiée narra a súa infancia en Galicia, a adolescencia en Madrid e o exilio en Francia tras o estalido da Guerra Civil. Morreu sen descendencia e doou os seus bens á República Francesa para crear unha escola de teatro.