“Natureza, historia, tranquilidade…”

FAUNA

A Deputación de Pontevedra fai un grande esforzo na conservación deste xardín histórico para contribuír a divulgar un espazo único respectando sempre a contorna e as especies que habitan nel. Nos terreos do castelo atópanse diferentes hábitats (bosque, zona de cultivo, xardín…), o que permite observar unha gran diversidade de fauna. Grazas a iso, cada percorrido polos xardíns de Soutomaior e ás súas sendas é única para cada visitante, que pode gozar dun agradable paseo familiar ou realizar turismo de observación científica. Queremos achegarte ao noso patrimonio máis vivo cunha selección da fauna máis representativa do predio.

AVES

Hai aves que están afeitas á presenza humana e, por iso, son as máis sinxelas de observar; é o caso do pombo torcaz (Columba palumbus), unha especie fácil de identificar e común na nosa terra. A súa coloración xeral é agrisada e ten unha característica mancha branca a ambos os dous lados do pescozo e nas ás. Aniña nas árbores, pero tamén adoita buscar alimento no chan. Tampouco ten segredos a identificación do pimpín común (Fringilla coelebs); o macho é inconfundible polo peito e pola cara avermellados, e pola cabeza gris azulada; pola súa parte, a femia é de cor pardo. O subeliño común (Aegithalos caudatus) detectámolo primeiro polo son que emite, pois é unha ave moi pequena e inquieta que se adoita agrupar en bandos moi ruidosos. A súa plumaxe é de cor agrisada con tonalidades negras e brancas, pero o que máis chama a atención é a súa cola alongada.

O xirín (Serinus serinus) é outro dos paxaros máis sonoros do xardín. Resulta sorprendente como unha criatura tan pequena pode cantar tan forte. Os machos posúen uns rechamantes tons amarelados, mentres que a cor da femia é máis parda e listada. Tanto a súa voz coma a súa aparencia son similares ás dun pequeno canario (Serinus canaria), do que é parente. A carriza (Troglodytes troglodytes) tamén destaca polo seu canto potente en relación co seu reducido tamaño. É das aves máis pequenas de Europa, mide algo menos de 10 centímetros e pesa pouco máis de 10 gramos. A súa plumaxe, de cor parda avermellada con listas finas, é críptica (axúdaa a camuflarse) en contornas de folla seca. O seu canto é melodioso e vibrante, con longos trinos finais. Outro pequeno paxaro que se atopa no noso xardín é a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), unha ave moi bulideira, que está en constantemente movemento polas ramas, o que dificulta a súa observación.

Do mesmo xeito que a estreliña, hai outras aves que sorprenden polas súas posturas acrobáticas mentres percorren as nosas árbores buscando comida. Sen dúbida, neste grupo destaca o ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater), con plumaxe de cor parda e agrisada e unha característica mancha branca na caluga. O ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), coñecido por este nome pola súa coloración, é outro pequeno insectívoro frecuente nos xardíns que rodean a fortaleza. O ferreiriño cristado (Lophophanes cristatus), que destaca pola súa rechamante crista, prefire as áreas forestais, polo que ten o seu espazo na senda do bosque, unha zona recuperada grazas á Deputación de Pontevedra.

Pero ao predio de Soutomaior non só acoden aves pequenas, coma a bubela (Upupa epops), de tamaño medio. Trátase dunha especie migratoria que pasa os invernos en África, moi vistosa pola súa singular crista con puntas negras. Teñen o alcume de "aves fedorentas" pois, para protexer o niño, os pitos salpican os intrusos con excrementos semilíquidos e, ademais, posúen a chamada "glándula uropixial", coa que emiten un desagradable cheiro que escorrenta os agresores. O gaio (Garrulus glandarius) é moi rechamante polo contraste das súas cores: branca, parda, azul negra e agrisada. Como ten predilección polas landras, atópase moi cómodo no noso bosque, do mesmo xeito que o peto verdeal (Picus viridis), unha ave bastante grande, de entre 30 e 35 centímetros, de cor verde e cun anteface negro e cunha coroa vermella. Na imaxe vemos un macho; diferénciase das femias porque ten unha bigoteira vermella (nelas é de cor negra). Escóitanse a miúdo na zona forestal, pero son asustadizos e difíciles de observar.

BOLBORETAS

Aínda que realizan un curto letargo invernal, a partir de febreiro xa é posible ver algunhas especies aproveitando os días solleiros, xa sexa porque se espreguizan logo da latencia invernal ou porque emerxen das súas crisálidas. O inicio da primavera converte o castelo de Soutomaior nun auténtico espectáculo visual, xa que unha infinidade de cores invade a leira. Azaleas e maceiras comezan a florecer e as bolboretas voan ao seu redor. Neste caso, unha femia da bolboreta da verza (Pieris brassicae) e unha bolboreta da estruga (Vanessa atalanta), dous dos lepidópteros máis comúns nas terras de Soutomaior, crean composicións espectaculares. No noso catálogo botánico tamén se inclúen varios exemplares de Lantana camara, unha planta con flores moi vistosas e que atrae numerosas especies, coma a da terceira imaxe, onde se observa outra especie do xénero Vanessa (Vanessa cardui).

As bolboretas tamén visitan as plantas silvestres que crecen de forma espontánea no predio, polo que é importante prestarlles atención e gozar observándoas, así é posible atopar coloridas sorpresas, coma a bolboreta ícaro (Polyommatus icarus) que se ve na imaxe. No xardín de Soutomaior non faltan dúas das nosas bolboretas diúrnas máis grandes e rechamantes: o galo cebreado ibérico (Iphiclides feisthamelii) e o macaón (Papilio machaon). Ambas as dúas pertencen á familia das Papilionidae, coñecidas coma “cola de andoriña” polo alongamento das súas ás posteriores.

RÉPTILES E ANFIBIOS

Os anfibios actúan como bioindicadores da calidade ambiental e están presentes no noso xardín. A píntega (Salamandra salamandra) trátase dun animal inofensivo, pero foi obxecto de lendas que lle deron unha mala fama inmerecida. Non é recomendable tocalas, pois teñen glándulas polo corpo que liberan toxinas irritantes que as protexen dos seus depredadores. En caso de contacto accidental, aos humanos pódelles provocar irritación, polo que se recomenda lavar ben as mans. No castelo recomendamos non molestar ningún dos nosos habitantes. Entre os réptiles destaca o lagarto arnal (Timun lepidus), un habitual compañeiro, moi fácil de observar tomando o sol no patio de armas durante as mañás de primavera e verán. Son relativamente confiados, pero sempre teñen unha vía de escape próxima. Caracterízanse polo seu gran tamaño; é a especie da familia Lacertidae máis grande de Europa. Pode medir ata 20 ou 25 centímetros da cabeza ao tronco. Ten unhas características manchas azuladas nos seus ocelos negros. A femia é algo máis pequena que o macho e os xuvenís teñen os ocelos abrancazados.