“Coa chegada do inverno o encanto do noso parque botánico é aínda máis especial.”
INVERNO NO CASTELOCoa chegada do inverno o encanto do noso parque botánico é aínda máis especial.
Sen dúbida, a verdadeira protagonista desta estación é a camelia, unha planta elegante e fermosa que conquistou os xardíns do castelo de Soutomaior.
Os seus delicados pétalos resgárdanse do alento invernal grazas ás súas resistentes follas, que lles serven tamén de refuxio ás pequenas aves que habitan o noso xardín. As distintas tonalidades destas flores achégannos calidez mesmo nos días máis fríos, nos que unha cunca de auténtico té, elaborado con Camellia sinensis, senta mellor ca nunca.
Se es coleccionista ou entusiasta, ou simplemente queres saber máis sobre esta xoia oriental, visita a nosa páxina web e descubrirás os segredos da nosa colección .
Pero non só as camelias mantéñense verdes durante todo o ano, senón que un auténtico verxel envolve o castelo. O parque botánico é practicamente un museo vivo, cuxa orixe se remonta ao século XIX. Foi creado polos marqueses de la Vega de Armijo e de Mos, que se inspiraron nos xardíns de Versalles para transformar os exteriores do seu pazo nunha contorna idílica. Coa intención de aproveitalo ao máximo elixiron árbores cuxo manto se mantén frondoso mesmo no inverno. Abetos, araucarias, cedros, criptomerias e sequoias constitúen un patrimonio único e cóntannos parte da historia do castelo. Co paso dos anos a leira non só mantivo a súa esencia, senón que se enriqueceu grazas ás numerosas actuacións de mellora e conservación levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra.
As grandes coníferas de folla perenne destacan sobre as árbores, que se mostran agora espidas tras o outono. Impresionan especialmente os catorce magníficos exemplares de Platanus x acerifolia que xa se mencionaban no libro El Castillo del Marqués de Mos en Soutomaior, escrito por María Vinyals en 1904. Agora pódese apreciar como as súas ramas se retorcen e entrelazan acariñando as nubes e deixando pasar os raios de sol, tan cobizados nesta estación.
Completa a túa visita e percorre a senda do bosque, xa que os regatos das Afreitas e Porta Cadeira están agora no seu mellor momento e flúen con bravura. Neste tranquilo lugar podemos observar como corrican os coellos e voan as pequenas aves, coma o paporrubio, que parece non temer o frío e nos acompaña co seu canto todos os días do ano.
Outra ave frecuente no noso bosque é o gabeador, que encarrisca polos troncos na procura de comida.
Son só uns poucos exemplos de toda a riqueza e a diversidade que alberga esta contorna privilexiada. Con algo de abrigo e calzado adecuado poderemos descubrir todos os tesouros que agocha esta fortaleza.