A camelia
No xardín do castelo de Soutomaior contamos con máis de 400 exemplares de camelia, 18 deles centenarios.
Conviven neste espazo con outras especies autóctonas e ornamentais, entre as que destacan as tres árbores incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras da Xunta de Galicia: unha araucaria de Chile (Araucaria araucana), unha sequoia vermella (Sequoia sempervirens) e unha criptomeria (Cryptomeria japonica). Na actualidade, as 25 hectáreas de superficie están destinadas a viñedo, bosque autóctono, froiteiras e parque botánico.
O deseño actual dos xardíns e do parque botánico, considerados entre os máis importantes de Galicia, ten a súa orixe en 1870, momento no que os marqueses de la Vega de Armijo y de Mos se asentan na edificación e comezan un proceso de remodelación para converter os antigos campos de millo no xardín que hoxe coñecemos. Na actualidade, considérase un dos xardíns máis destacados. O protagonista do xardín é un exemplar de camelia composto por 18 troncos que crecen desde a propia base da árbore e que forman a maior circunferencia da especie en Galicia.
En 1982, a Deputación de Pontevedra adquiriu o castelo, onde comezou a crear unha colección de camelias. Naquel momento había un total de 19 camelias (das que se conservan 18), que destacan por ser das máis antigas de Galicia. Só un ano despois sumáronse novos exemplares chegados de Nova Zelandia, California, Inglaterra ou Francia.
Proba do gran valor botánico e cultural do xardín é que foi o primeiro de España en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional de Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia, no marco do Congreso Internacional da Camelia celebrado en China en 2012. Tamén foi o primeiro en España en obter o certificado de Xardín Histórico Observer, no ano 2020.
Estas distincións son un recoñecemento ao esforzo realizado na súa conservación e divulgación. O parque botánico e as parcelas próximas contan con máis de 400 exemplares de camelia, todas elas co seu correspondente cartel identificador, para que, desta forma, calquera persoa afeccionada poida coñecer a especie e a variedade de cada unha delas.