“Diversidade de cores rodéante, sempre vivos e cambiantes.”

OUTONO NO CASTELO

Entre nubes e claros loce o noso castelo no outono.

O aroma da terra húmida cuberta de follas recíbenos e acompáñanos no noso paseo pola leira.

Apréciase o cambio cromático nas árbores caducifolias, nas que o seu verde habitual se tingue de tons dourados e avermellados antes de que caian as súas follas. As camelias de floración temperá anuncian o espectáculo de cor que está por chegar.

O sotobosque sorprende pola súa gran diversidade, no que especies autóctonas forman unha alfombra de distintas cores e formas. Ao alzar a vista, o espectáculo continúa. Ao longo dos anos as e os propietarios do castelo esforzáronse por embelecer o contorno e, para iso, trouxeron especies procedentes de diferentes partes do mundo. Estes exemplares adaptáronse á nosa terra e conviven con especies silvestres e autóctonas.

Dous regatos enriquecen a paisaxe: Porta Cadeira e As Afreitas, que alimenta o noso recentemente restaurado muíño, un patrimonio etnográfico reflexo dun pasado próximo.

Baixo a sombra dos castiñeiros discorre a senda do bosque, un percorrido de pouco máis de 2 km fácil de transitar e perfecto para percorrer en familia. O outono é a súa mellor época, xa que é cando estas árbores dan o seu froito.

A castaña estivo moi presente na leira do castelo desde a súa orixe. De feito, o nome de "Soutomaior” fálanos do gran bosque de castiñeiros que rodeaba o castelo xa nas súas primeiras épocas. Recentemente, recuperaron o seu lugar grazas á repoboación realizada pola Deputación de Pontevedra, cuxo persoal se esmera no coidado e na divulgación dos seus singulares valores.

A importancia de conservar o bosque autóctono é innegable. Este espazo é un pequeno oasis de comida e refuxio para numerosas especies que decidiron asentarse neste lugar e tamén para outras que nos visitan de forma ocasional.

Nesta época do ano moitas aves estivais xa se foron mentres que outras se despiden ata o próximo ano.

No outono Soutomaior é o espazo ideal para camiñar ou sentarse e gozar da tranquilidade que transmite esta paisaxe histórica.