Preguntas frecuentes

É necesario reservar previamente para visitar o castelo?

Para as visitas guiadas recoméndase adquirir as entradas con antelación, xa que contan con capacidade limitada. O proceso non leva máis de 5 minutos e realízase a través da nosa web (https://tickets.castelodesoutomaior.com). As entradas recíbense de forma instantánea no correo electrónico e non é necesario imprimilas, chega con ensinalas desde o móbil.

Para visitar o castelo sen guía pódense comprar as entradas na web ou de xeito presencial no despacho de billetes.

En caso de grupos organizados a reserva previa é obrigatoria.

Cal é o horario?

Pode consultar os nosos horarios en https://www.castelodesoutomaior.com/gl/horarios

O último pase ten lugar unha hora antes do peche.

Que prezo ten a entrada ao castelo?

A ordenanza reguladora da taxa polos servizos que se prestan no castelo de Soutomaior indica as tarifas correspondentes.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2018/08/21/2018041989

Tamén se poden consultar na propia web de compra ou directamente no despacho de billetes.

Hai visitas especiais para colexios?

Os grupos de escolares e as e os seus docentes poderán acceder ás visitas guiadas do castelo de Soutomaior de maneira totalmente gratuíta. Cada grupo de 10 alumnas ou alumnos debe ir acompañado dunha ou dun docente cunha capacidade máxima de 25 persoas en cada pase.

É necesaria a reserva previa a través da páxina web (o centro escolar debe darse de alta na plataforma).

Que necesito saber para organizar a visita cun grupo?

En caso de grupos organizados a reserva previa é obrigatoria, e existen tres tipoloxías de visita:

  • Visita autoguiada cunha ou cun guía propio ao castelo de Soutomaior e aos xardíns
  • Visita guiada ao interior do castelo e de forma libre aos Xardíns de Excelencia Internacional de Camelia
  • Visita guiada ao castelo e aos Xardíns de Excelencia Internacional de Camelia

Hai actividades para familias?

Segundo a época do ano, organízanse diferentes actividades. Podes comprobar a programación na páxina web:

https://www.castelodesoutomaior.com/gl/actividades

Ademais, a musealización do castelo de Soutomaior inclúe paneis, audiovisuais e xogos para que as persoas de todas as idades poidan entender a historia do lugar dun modo ameno. Como complemento á visita ofrecemos dous cadernos didácticos, un para os xardíns e outro para o interior do castelo.

Cal é a mellor época para ver as camelias?

Nas Rías Baixas a floración da camelia ten unha temporada longa, polo que se poden ver desde outubro ata maio, pero a mellor época é entre os meses de febreiro e marzo, cando acadan a súa plenitude.

Na nosa web atoparás información práctica para planificar a visita: https://www.castelodesoutomaior.com/la-camelia

Como podo estar ao día das novidades?

A mellor forma é seguíndonos nas nosas redes sociais: Facebook, Instagram ou Twitter.

O museo é accesible para persoas en cadeira de rodas?

O interior do castelo presenta barreiras arquitectónicas, polo que non é accesible. Para visitar os xardíns poden usar a entrada que evita as escaleiras e acceder ao aparcadoiro destinado a persoas con mobilidade reducida.

O mostrador de atención ao público dispón de bucle magnético?

Si, está equipado con bucle magnético para as persoas con audiófonos e implantes cocleares.  

Pódese acceder con mascotas ?

Si, pero unicamente nos xardíns e sempre con correa. Cómpre lembrar que non existen papeleiras.