Rutas

Ruta da Camelia

A Ruta da Camelia é un percorrido por pazos, parques e o castelo de Soutomaior, lugares nos que loce en todo o seu esplendor esta flor oriental que atopou o seu paraíso nas Rías Baixas. Fermosas variedades con distintos tamaños e cores esténdense por todos estes magníficos xardíns da provincia de Pontevedra e constitúen un verdadeiro espectáculo no inverno, cando se produce a floración.

As casas señoriais foron as primeiras en gozar da beleza e o aroma da camelia, que despois encheu de cor outros xardíns públicos e privados. O parque do castelo de Soutomaior foi declarado Xardín de Excelencia Internacional en Camelia en 2012; tamén gozan desta distinción os pazos de Rubianes (Vilagarcía de Arousa ), A Saleta (Meis) e Quinteiro da Cruz (Ribadumia).

Completan a Ruta da Camelia os xardíns dos pazos de Oca (A Estrada), Lourizán e Gandarón (ambos en Pontevedra), o Museo Quiñones de León e o parque do Castro (ambos en Vigo).

Máis información

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior
 

Ruta Pedro Madruga

Castelos, torres e fortalezas dominaron o territorio da provincia de Pontevedra no Medievo e foron escenario de grandes batallas. A Ruta Pedro Madruga percorre estes monumentos a través da figura de Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga, quen protagonizou grandes acontecementos e loitas de poder no século XV.

Este nobre fixo do castelo de Soutomaior o centro neurálxico do sur de Galicia e levou á liñaxe dos Sotomayor aos seus días de maior gloria. A ruta percorre, ademais desta impresionante fortaleza, outros oito lugares vinculados á traxectoria vital e aos conflitos bélicos nos que tivo un papel principal Pedro Madruga, quen, ademais de señor de Soutomaior, era conde de Caminha , vizconde de Tui e mariscal de Baiona.

Deste xeito o itinerario pasa polo castelo de Sobroso (Mondariz); as fortalezas de Salvaterra de Miño e Monte Boi (Baiona); as torres da Lanzada (Sanxenxo), San Sadurniño (Cambados) e Fornelos (Crecente); e as cidades de Vigo e Baiona.

Máis información

Folleto da ruta

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior