Sanatorio Lluria

A primeira noticia sobre o sanatorio Lluria aparece no Faro de Vigo o 8/6/1911, e é unha mensaxe publicitaria que anuncia o “tratamiento de las enfermedades de la orina y del artritismo. En el parque se encuentra un manantial de riquísima agua de reconocida virtud para el mal de piedra. El sanatorio dista seis kilómetros de la estación de Arcade. Dirección. Sanatorio Lluria, por Arcade, Sotomayor”. Ademais, engádese que o doutor Lluria, “teniendo en cuenta que muchas personas, por sus ocupaciones, no disfrutan más que del domingo, ha decidido establecer una consulta todos los domingos”. A noticia conclúe informando de que no caso de avisar con antelación ao sanatorio “se enviará un automóvil a la estación de Arcade”.

Con esta noticia dá comezo a azarosa historia dun proxecto de grande ambición que foi posible grazas á vontade dun doutor de orixe cubana e á dispoñibilidade e herdanza da súa esposa, María Vinyals e Ferrés.

Para a creación do sanatorio Enrique e María tiveron que adecuar inicialmente o pavillón de invitados que se atopaba fóra do castelo; pronto a forte demanda de pacientes levou a realizar reformas e a ampliación da estrutura inicial. Xa en agosto de 1911 se informa da existencia dun “servicio de restaurante para acompañantes, visitantes y persoas que vengan a consulta”, e sinálase que as e os enfermos se poden hospedar no sanatorio desde 10 ptas., todo incluído.

A publicidade do sanatorio nos medios e a reputada fama do doutor Lluria fixeron que a clientela aumentase rapidamente e fíxose necesario un novo pavillón no sanatorio. Nunha carta de Enrique Lluria ao seu amigo Joaquín Sorolla do 20 de marzo de 1912 relátalle que están a ampliar o sanatorio “ya que el verano pasado todos los cuartos estuvieron ocupados y algunos con dos camas”.

fotoRetrato de Enrique Lluria dedicado a Joaquín Sorolla, 1907. Museo Sorolla
fotoFaro de Vigo

Os e as pacientes non deixaban de aumentar e a finais do ano 1912 informábase xa de que o sanatorio abría “todo el año”.

A finalización das obras de ampliación produciuse no verán do ano 1913 e decidiuse celebrar o evento cunha grande inauguración na que estivesen presentes importantes personalidades. O 15/07/1913 celebrouse unha festa no castelo e María e Enrique obsequiaron a todas persoas asistentes cun aperitivo disposto entre as árbores. A nova propaganda do castelo anunciaba por entón que “los neurasténicos encontrarán un medio ambiente excepcional por el aislamiento y reposo que se disfruta en los jardines y bosques de pinos, cedros y eucaliptos que rodean el Sanatorio, así como en los frondosos castañares, que cuentan siglos de existencia. El Letrado y el Arqueólogo ancho campo de investigación; el Naturalista una flora incomparable y variadísima. Los aficionados a los deportes, preciosos paseos, pesca abundante y juegos de sport”.

O sanatorio parece converterse entón nun centro de repouso e esparexemento que ofrece servizos non só médicos. Personaxes ilustres da sociedade galega como a condesa Pardo Bazán e a súa filla Carmen visitaron o castelo e o sanatorio.

A fama do centro seguiu medrando e en febreiro do ano 1914 na pasaxe do Faro de Vigo colócanse diversos carteis confeccionados con azulexos. Entre eles inclúese un do Sanatorio Lluria. Os ilustres Joaquín Sorolla e Mariano Benlliure chegan ao sanatorio para pasar unha tempada en xullo do mesmo ano mentres se atopaba alí o “novo aristócrata inglés Mr. Wright”. Por entón a popularidade do sanatorio xa traspasara as fronteiras rexionais e nacionais; e na primavera de 1915 unha excepcional carta de Hermann Minika, primeiro oficial da Mariña Mercante Alemá, cántalle con emoción a un compatriota as belezas de Soutomaior, o seu castelo, os seus xardíns e o seu sanatorio.

O sanatorio segue mellorando as súas prestacións ao longo do ano 1915 e na publicidade distribuída durante a estación invernal infórmase de que o centro conta “con calefacción central y de leña, luz eléctrica, fonógrafo y cinematógrafo para amenizar las veladas, confort…”.

Por entón a popularidade do sanatorio era xa tal que o matrimonio Lluria-Vinyals decidiu que as mensaxes publicitarias xa non eran necesarias: o último anuncio en prensa do sanatorio é do 7/11/1915. No verán do ano 1916 a actividade do sanatorio aumenta pois a primeira conflagración mundial fai que o número de enfermos se multiplique; tanto é así que María Vinyals se ve obrigada a traballar no sanatorio asistindo ás e aos pacientes.

Daquela o sanatorio do doutor Lluria alcanzaría o seu cénit.

***

O final do sanatorio ten lugar ao longo do ano 1917. E non foi unha causa única a que provocou o seu final. Nunha carta de María Vinyals a María de Maeztu escrita en setembro dese mesmo ano a esposa do doutor Lluria deixa entrever que a familia está planeando abandonar Soutomaior porque “su forma de ser no le permite vivir apartada del mundo”. Sen dúbida a súa decisión está directamente relacionada tamén cos ideais políticos do matrimonio Lluria que empezaban a lle ocasionar problemas.

Estes motivos levaron aos Lluria a abandonar definitivamente as súas posesións en Soutomaior. Pero o certo é, que, por entón, as dificultades económicas que atravesaba a familia eran insalvables e as ameazas de embargo acabaron por producir que todas as propiedades do matrimonio Lluria en Soutomaior saísen a poxa pública o 7/10/1917. A finais de ano a familia abandonou a súa morada galega pois a inicios de 1918 xa estaban en Madrid.

O traslado da familia Lluria-Vinyals a Madrid supuxo o final da historia do sanatorio posto que os sucesivos propietarios non se interesaron por recuperar o centro. Na actualidade o edificio que un día albergou un fantástico sanatorio de fama internacional dotado dos medios máis modernos converteuse nunha Pousada.