O castelo de Soutomaior celebra o VI Día Europeo de Xardíns Históricos

O próximo 26 de abril o castelo de Soutomaior únese á celebración do VI Día Europeo de Xardíns Históricos. Aproveitando esta conmemoración programáronse diversas actividades para dar a coñecer os principais elementos que conforman o xardín:
Visitas guiadas a escolares
A semana previa á celebración do VI Día Europeo de Xardíns Históricos os colexios que visiten o recinto da man das e dos guías do castelo de Soutomaior coñecerán o valor e a importancia histórica, social e natural do noso xardín. Durante o percorrido polo conxunto farase especial fincapé no recoñecemento que supón o Itinerario Europeo de Xardíns Históricos para fomentar o noso patrimonio arbóreo e destacar a importancia da súa preservación.
Esta visita adaptarase ás idades das e dos escolares para que poidan comprender e traballar sobre o tema.
Cómpre reservar previamente chamando ao 886 209 500.
Visitas guiadas a particulares
A mellor maneira de coñecer a fondo toda a historia que se esconde tras as murallas do castelo de Soutomaior é coas nosas visitas guiadas, que se ofertan a diario. O percorrido mestura arquitectura, historia e botánica, ten unha duración aproximada de 90 minutos e está pensado para todo tipo de público, que estará dirixido por unha ou un guía especializado.
Durante a semana previa ao VI Día Europeo de Xardíns Históricos faranse visitas nas que se resaltarán a importancia e o significado da celebración.
As entradas pódense adquirir en www.castelodesoutomaior.com e tamén solicitar información chamando ao 886 209 500.
Xornada de portas abertas
A Deputación de Pontevedra abre as portas da fortaleza a veciñas, veciños e visitantes o 26 de abril, VI Día Europeo de Xardíns Históricos. O castelo de Soutomaior quere convidarte a descubrir, de forma amena, como un edificio bélico pasou a ser un palacio cun magnífico xardín.
Ao longo dos séculos, os terreos do castelo tiveron distintos usos segundo as necesidades e as preferencias dos seus propietarios. Así, foron monte, lugar de aproveitamento forestal, campo de cultivo e xardín. Nesta xornada de acceso libre búscase poñer en valor a paisaxe histórica que forman a fortaleza e a súa contorna dunha maneira entretida a través da súa musealización.
Non é necesario reservar, pero respectarase a capacidade do edificio.
Caderno de naturalista
O 26 de abril, VI Día Europeo de Xardíns Históricos, entregáraselles un exemplar da carpeta didáctica co seu correspondente diploma de naturalista a todas as familias que visiten a fortaleza e o soliciten no despacho de billetes.
