O xardín

O Castelo de Soutomaior é un destino único, non só polo seu gran valor histórico senón tamén pola súa contorna paisaxística e natural. A súa situación é excelente, entre a serra do Suido e a Ría de Vigo. A proximidade do mar, montañas e ríos favorece a fertilidade destas terras. Por iso, ao longo dos séculos, os terreos do castelo foron destinados a distintos usos segundo as necesidades e preferencias dos propietarios en distintas épocas. Estas terras foron souto, lugar de aproveitamento forestal, campos de cultivo e xardín.

María Vinyals menciona a sorprendente diversidade botánica no seu libro de 1904, O Castelo do Marqués de Mos en Sotomayor:

"O parque que rodea á a fortaleza é magnífico; alí dáse todo: o cedro do Líbano crece ao carón do eucalipto; o abeto do Norte xunto á a palmeira e a laranxeira. As plantas de camelia son árbores no canto de arbustos, e os magnolios acadan a mesma altura que as coníferas. O céspede alfombra o chan como nas paisaxes inglesas e as rosas teñen o fragor dos climas meridionais."

foto Praza dos Castiñeiros, cara a 1890-1907. Museo Sorolla
foto María no xardín do Castelo de Soutomaior, cara a 1890-1907. Museo Sorolla

No ano 1982 o castelo foi adquirido pola Deputación de Pontevedra, que levou a cabo un importante traballo de rehabilitación. A institución provincial está moi implicada na conservación e divulgación dos singulares valores deste conxunto. Ao esforzo no coidado de todos os exemplares, únenselle novas propostas para unha mellora continua. Grazas a iso converteuse, no ano 2012, no primeiro xardín de España en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia. Ademais, no ano 2021 incorporouse ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos.

Para dar a coñecer todo o seu encanto a Deputación de Pontevedra propón tres roteiros , cada un cunha paisaxe diferente que o caracteriza. Sen dúbida un dos principais reclamos é a senda da camelia que conta con centenares de camelias de diferentes especies acompañadas de árbores de gran porte e antigüidade, tres delas recoñecidas como Senlleiras . O enoturismo tamén está presente, na senda do viñedo queda patente a riqueza das nosas vellas vides, que producen uvas de calidade para elaborar viños de alta gama. O terceiro roteiro transcorre polo bosque, que grazas á repoboación levada a cabo pola Deputación, converteuse nun oasis de alimento e refuxio para a fauna local.

Ademais, contamos cun importante banco de xermoplasma , un horto de froiteiros autóctonos que actúa como reserva de variedades que, doutro xeito, poderían perderse para sempre.

foto
foto