Visitas
Un lugar de beleza singular e coas portas abertas para ti.
O castelo de Soutomaior é un imprescindible nas viaxes ás Rías Baixas. Protexe coas súas murallas a lembranza dos personaxes que deixaron a súa pegada en cada recuncho deste fermoso enclave. Grazas á investigación levada a cabo pola Deputación de Pontevedra para a musealización do ano 2018, poñemos en valor a figura de Pedro Madruga e tamén o labor tan importante que realizou María Vinyals ao longo da súa vida á hora de defender o papel da muller. Unha fortaleza medieval con toques palacianos do século XIX con moitas historias que contar, a visita ao Castelo de Soutomaior trasládache as distintas épocas, explicándoas dun xeito ameno e interpretativo.
No exterior percíbese o esforzo no coidado e conservación por parte do persoal da Deputación de Pontevedra. Contamos cun amplo catálogo botánico onde destacan as tres árbores recoñecidas como Senlleiras (o cedro xaponés, a sequoia vermella, a araucaria de Chile) e as máis de 400 camelias.
Comproba as propostas dispoñibles para que a túa visita estea sempre chea de sorpresas. Recomendamos, segundo a época do ano, realizar diferentes tipos de percorridos aos nosos xardíns. Ademais, contamos con visitas caracterizadas, ambientadas no castelo de principios do século XX, coas que percorrer os xardíns históricos da man da propia María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel.
Tampouco nos esquecemos dos máis pequenos da casa, sabemos que lles encantan as sesións teatralizadas adaptadas a un público infantil. Tamén temos a entrada familiar, coa que ofrecemos un xogo de pistas que vos guiará para acreditarvos como detectives do castelo.
Para as visitas concertadas recoméndase adquirir as entradas con antelación:
https://entradas.castelodesoutomaior.com/
Se prefires visitar o castelo pola túa conta (sen guía) tamén é posible. Podes comprar na web ou de forma presencial no despacho de billetes. Os horarios varían segundo nos visites en tempada de inverno ou verán. Podes consultalos na web: https://www.castelodesoutomaior.com/horarios
Ten en conta que se considera o último pase unha hora antes do peche.
Chámanos para calquera consulta, (+34 886209500) con gusto resolveremos as túas dúbidas.